O Concello de Poio confía en que as probas de varias prazas de emprego público se realicen a finais de ano
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno Local aprobou este martes o documento no que se establecen as bases, tanto xerais coma específicas, das prazas de Emprego Público correspondentes aos exercicios 2017, 2018 e 2019 que aínda están pendentes de desenvolver.
Trátase de 18 prazas, a maioría das cales (15, concretamente) realizaranse por oposición libre.
Esta convocatoria afectará a diferentes departamentos municipais. Tal e como explicou o concelleiro de Persoal, Xosé Luís Martínez, estas bases foron consensuadas a pasada semana nunha reunión cos representantes da Mesa de Negociación.
As 15 prazas por oposición libre repártense do seguinte xeito: unha técnico de xestión, unha para educador familiar, unha para monitor deportivo, catro para oficial de albanel, catro para os operativos de Servizos, unha de oficial mecánico, unha de oficial de Xardinería e dúas de persoal de limpeza.
Ademais, Martínez lembrou que a estas hai que sumarlle dúas da Policía Local (unha por mobilidade outra por oposición libre), así como unha praza de oficial por promoción interna. "Os procesos selectivos para dar cobertura a estas tres vacantes na Policía Local leváronse a cabo en 2017 e 2018", sinalou o responsable do departamento de Persoal, que calcula que, se non se produce ningún contratempo, os exames poderían ter lugar a finais deste mesmo ano.
Unha vez aprobado o documento pola Xunta de Goberno Local, as bases publicaranse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (Boppo), así como no Diario Oficial de Galicia (DOG). Por último, a convocatoria tamén poderá ser consultada a través do Boletín Oficial do Estado (BOE).
Á marxe da posta en marcha destas oposicións, o Concello de Poio tamén leva meses traballando na contratación temporal de 30 persoas que se atopen en situación actual de desemprego.
Destes postos, 24 financiaranse a través da liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, cun investimento que supera os 232.000 euros.
Ademais, a Administración municipal ten previsto incorporar a seis socorristas para prestar servizo nas praias de Xiorto (Raxó) e Cabeceira (Lourido) entre os meses de xuño e setembro. Recentemente se aprobou solicitar á Consellería de Economía e Industria unha axuda duns 38.000 euros para costear este proceso.
Relacionadas:
-
Abren o prazo para presentar solicitudes a dúas prazas de Policía Local en Poio
Por Redacción |
-
Asesoramento e titorías para axudar a veciños de Poio a atopar traballo
Por Redacción |
-
Poio contratará no verán seis socorristas para as praias de Xiorto e Cabeceira
Por Redacción |
-
Poio contratará 24 traballadores a través do Plan Concellos da Deputación
Por Redacción |