Unha Semana de Filosofía para analizar de que modo as novas tecnoloxías transformaron a vida das persoas
Por Oskar Viéitez
"Filosofía e Civilización Dixital" será o título da XXXVII edición da Semana Galega de Filosofía, que se desenvolverá entre o 13 e o 17 de abril no Teatro Principal con entrada libre e matrícula gratuíta.
A responsables da Aula Castelao, Ana Regueira e Montse Bragado, avanzaron este martes ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, parte da programación da semana que analizará neste 2020 o modo no que as novas tecnoloxías transformaron a vida das persoas e a propia sociedade.
A Semana Galega de Filosofía volverá converter a Pontevedra, en palabras do alcalde, "na capital do pensamento".
Así, no foro de debate abordaranse ao longo de cinco días os cambios que as novas tecnoloxías supoñen nas formas de convivencia, na economía e mesmo as formas de lecer.
Aínda que a programación completa será presentada este venres nunha rolda de prensa, a Aula Castelao desvelou os nomes de dous dos quince conferenciantes que participarán nesta semana: Antonio Rodríguez de las Heras, catedrático de Humanidades da Universidade Carlos III de Madrid e Ana de Miguel Álvarez, profesora titular de Filosofía Moral e Política na Universidade Rey Juan Carlos de Madrid.
Rodríguez das Heras centrarase en reflexionar sobre a sociedade que se está conformando por efecto das novas tecnoloxías e as consecuencias que isto provoca como son os cambios culturais ou no ámbito educativo, coa estrutura e reorganización da linguaxe.
Ana Regueira apuntou que este tipo de reflexións resultan especialmente interesantes para as persoas que se dedican á docencia, xa que inciden en cuestións que afectan directamente o ámbito de traballo e os retos aos que se teñen que enfrontar os docentes a día de hoxe.
Pola súa banda, Montse Bragado anunciou a participación da referente feminista e profesora Ana de Miguel, que reflexionará sobre como a sociedade patriarcal está a atravesar as novas tecnoloxías. Explicou que ultimamente está a analizar por que se están producindo relacións desiguais na xente nova cando a nosa sociedade, polo menos a nivel formal, considérase igualitaria, polo que está a estudar como inflúe internet.
As representantes da Aula Castelao aproveitaron para agradecer o apoio do Concello e lembraron que, igual que en anos anteriores, a Semana Galega de Filosofía terá lugar no Teatro Principal e tanto a entrada como a matrícula serán gratuítas. Ademais a asistencia está homologada por parte da Consellería de Educación con 20 horas de formación para profesorado e por parte da Universidade de Vigo con 1,30 créditos para o alumnado.
Relacionadas:
-
Segundo adiamento da Semana Galega da Filosofía pola Covid-19: "Non se podería levar a cabo coas garantías suficientes"
Por Redacción |
-
A Aula Castelao adía a outono a celebración da Semana Galega de Filosofía
Por Oskar Viéitez |
-
Que é o que máis consultamos na internet estes días?
Por Marisa Ciordia |