Todo o rural de Cuntis terá acceso ultrarrápido a internet en 2021
Por Redacción
O despregamento da conexión a internet será unha realidade en todo o territorio de Cuntis no horizonte do ano 2021. Así o vén de confirmar o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, tras a xuntanza que mantivo coa responsable da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira.
Ambos dirixentes avanzaron que todas as parroquias do municipio disporán de acceso a redes ultrarrápidas de internet grazas ás actuacións conxuntas que se están levando a cabo entre a Administración Xeral do Estado, a Xunta de Galicia e a colaboración dos concellos.
Así, dentro do Plan Banda Larga 2020, xa se despregou fibra óptica nos núcleos de Arcos de Arriba, Fontecoba, Porto de Gómez, Magán e Hervés. Ademais, está previsto que antes de rematar o primeiro trimestre do ano se despregue tamén no núcleo de Guldrigáns.
A extensión da rede ultrarrápida ampliarase finalmente a outros 61 núcleos das oito parroquias grazas ás subvencións do programa estatal financiado a través do Fondo Europeo Agrícola para despregar fibra óptica que recibiron os operadores Telefónica e R.
Aínda que case todo o termo municipal quedará cuberto, a intención do goberno municipal é que as zonas que non entren nesta fase sexan dotadas con alta velocidade ao longo do mandato grazas a novas convocatorias.
Manuel Campos asegurou de que as conexións serán de 100 megas, unha velocidade "moi competitiva" que hai poucos anos era "totalmente impensable" en zonas do rural.
O alcalde agradeceu a boa disposición da responsable de AMTEGA e mostrouse "moi satisfeito" con poder achegar internet de alta velocidade a todas as parroquias, un proxecto que considera "fundamental" para Cuntis.
"Unha boa conexión a internet en calquera punto é imprescindible na actualidade para manter os servizos e fixar poboación e emprego en concellos rurais", engadiu Campos, que considera que con este programa "tamén contribuímos a reducir a fenda tecnolóxica existente entre urbano e rural", o que permitirá que poidan asentarse novos veciños e empresas.