O PP de Poio acusa o Concello de pagar para inflar os 'me gusta' nunha publicación de Facebook
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O grupo municipal do Partido Popular en Poio acusou este martes o goberno local de pagar por inflar as reaccións positivas nunha publicación da páxina de Facebook institucional do Concello.
En concreto, Ángel Moldes refírese a unha publicación que anunciaba a manifestación en defensa da sanidade pública galega do pasado 9 de febreiro, que recibiu, aseguran, 572 interaccións positivas que supoñen "un aumento do 2.500% con respecto ao impacto medio das publicacións do Concello".
Segundo o PP, a particularidade reside ademais na que "máis do 95% desas reaccións foron de residentes en Papúa Nova Guinea", sinalan nun comunicado, con nomes como Khazin Bwoy Lerori, TO JH UX Tāßē l, Wī ld Mãrñ Blø Wē rmãrñ, ou Skïññy Vhavïïñã Tõllãïï.
"A primeira sorpresa foi ver que esa publicación en particular ten máis reaccións que a suma de todos os post que fixo o Concello no que vai de ano, pero ao revisar a identidade dos que reaccionaron, saltaron todas as alarmas, xa que apenas unha ducia son veciños de Poio ou teñen nome e apelidos europeos", explica Moldes.
Esta situación levou ao PP para solicitar un informe sobre a estrutura e actividade das redes sociais institucionais.
RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL
Dende o Goberno local, o concelleiro Xulio Barreiro explicou que a citada publicación, na que se informa á veciñanza da dispoñibilidade dun autobús gratuíto para participar na manifestación en favor da sanidade pública do pasado 9 de febreiro, decidiu promocionarse (págase unha contía para que teña unha maior difusión) "para darlle a máxima difusión posible a un acordo plenario unánime", no que todos os grupos da Corporación acordaron solicitar á Xunta de Galicia mellorar esta prestación, ademais de impulsar a construcción do novo Centro de Saúde de Poio.
O documento tamén incluía a posta a disposición da cidadanía dun autobús para acudir á mobilización.
Con respecto aos "likes" que, ao parecer, aparecen de residentes en Papúa (Nueva Guinea), xa non é a primeira vez que Facebook relaciona a ubicación de Poio cunha localidade desa zona que, ao parecer, chámase igual. Sobre este tema, o departamento de Novas Tecnoloxías xa se puxo en varias ocasións cos responsables da rede social para solventar este problema, pero, de momento, a petición aínda non tivo resposta.
Por último, o Goberno local facilitou a factura da promoción da publicación ascende a 3,34 euros, que a día de hoxe aínda non foron facturados ao Concello.
"En vista de todo isto, recomendamos ao PP que deixe de ver pantasmas onde non as hai e desista de tratar de confundir á veciñanza", conclúe Barreiro.