A praza de Vilalonga xa é pública despois da compra do quiosco polo Concello
Por Redacción
A praza de Vilalonga xa pertence totalmente ao Concello de Sanxenxo, despois de que o alcalde Telmo Martín asinase a escritura e entregase ao propietario do quiosco que se atopaba neste espazo un cheque de 39.703 euros, cantidade pola que se taxou polo arquitecto municipal o inmoble, de 75 metros cadrados.
A familia Campo era a propietaria deste espazo e, segundo explica o alcalde, deu facilidades para que a operación se levase a cabo do mesmo xeito que o propietario do quiosco. Telmo Martín acordara coa familia a presentación dunha demanda sobre a propiedade da praza, que continuaba rexistrada a nome da familia do falecido empresario Epifanio Campo, aínda que estes familiares consideraban que o Concello era o único propietario desta zona.
A sentenza do Xulgado de primeira instancia número 4 de Cambados recoñeceu que a praza pertencía ao Concello de Sanxenxo. A praza ocupa unha zona de 4.388 metros cadrados e o Concello xa contemplaba nos orzamentos unha partida de 220.000 euros para a reforma. O goberno local quere afrontar estes traballos neste 2020, para iso ten previsto encargar a redacción dun proxecto técnico, un prego de condicións para a licitación das obras e adxudicalas.