O BNG de Marín non acudirá aos actos do 8M e acusa o Concello de "hipocresia" e "indiferenza"
Por Redacción
O BNG de Marín fixo público o seu "malestar e desacordo" co anuncio do Concello de Marín con respecto o 8M ao asegura que conmemorarían o Día Internacional da Muller 'Baixo o paraugas da unidade'.
Os nacionalistas consideran que "máis ben é baixo un paraugas da hipocrisía, das mentiras e a indiferenza cara un problema tan importante como é a lacra machista que esta acabando coas mulleres" e anuncian que decidiron non acudir aos actos institucionais organizados polo Concello de Marín, por banalizar o Día da Muller e facer que careza do sentido reivindicativo que pouco ten que ver coa temática deste ano 2020, adicado ás mulleres coidadoras.
Así, critican que desde o Concello de Marín apostan por conmemorar esta data cunha andaina de Ruta Montes e Praias en beneficio da AECC e unha festa gastronómica como o Bolo do Pote, dúas actividades lúdicas e non reivindicativas.
"Esta é a maneira tan revolucionaria que ten o PP de Marín de organizar un día como o 8M, queda clara a súa incapacidade neste eido, a falta de empatía cara as mulleres e a pouca honestidade por parte da concelleira de servizos sociais", critican os nacionalistas.
Ademais, cuestionan que o Concello de Marín o único que fai é "sacar proveito, enganar á veciñanza" e mesmo aos membros do Centro de Información á Muller (CIM) de Marín.
O BNG manifesta o seu respecto polas entidades que organizan os actos da andaina (AECC) e o Bolo do Pote (A. C. Pousos da Area) que ano tras ano conseguen, por unha parte, concienciar á sociedade sobre a problemática do cancro e, pola outra, conservar un tradición culinaria e cultural.