Os establecementos do mercado crean unha nova festa gastronómica: o domingo de piñata
Por Redacción
Os restaurantes da primeira planta do mercado teñen prevista unha nova festa gastronómica para despedir o entroido este domingo. O domingo de piñata, unha celebración inspirada nos entroidos de Cádiz, chega a Pontevedra con diferentes receitas e un sorteo de tres cheques de cen euros que sairán dunha piñata.
Promovido pola asociación O Mercado, todos os clientes que acudan este domingo ao mercado recibirán un boleto que dará acceso ao sorteo para participar na piñata. Os agraciados terán que tirar dunha corda, pero só tres cordeis, aqueles que estean ancorados á rede que fará de piñata, serán os premiados.
Os trece establecementos hostaleiros da primeira planta do mercado participan nesta cita e para a data ofrecerán aos consumidores diferentes elaboracións inspiradas nas sobremesas do entroido. A partir das 13 horas comezarán a repartir os boletos e o premio entregarase ao redor das 14.30 horas, explican desde a organización.
A celebración estará amenizada polo grupo musical Guateque Trío e haberá agasallos e degustación de produtos gastronómicos para todos os clientes.