Arte, reivindicación, palabra e sororidade no acto do Día da Muller na Deputación
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra celebrou este venres no Pazo Provincial o acto central do Día Internacional da Muller, enmarcado na ampla programación de actividades baixo o lema de "Por nós, por todas".
O vestíbulo do Pazo, iluminado de cor morada, acolleu unha acción que mesturou arte, reivindicación, palabra e igualdade e que fala de "mulleres poderosas e libres, e da nosa sororidade contra os negacionistas", destacou a presidenta da Deputación, Carmela Silva.
Os actos deron comezo co despregue dunha lona co lema da Deputación para este 8M na balconada da fachada principal do Pazo Provincial de Pontevedra. A continuación, o vestíbulo do edificio presentou a acción artística chamada "A fortaleza do compromiso", da creadora Irene Silva, consistente nunha alfombra floral feita en colaboración das mulleres alfombristas de Bueu e un "muro" de douscentos paraugas de cor violeta con cen palabras que "falan do que as mulleres queremos que nos defina".
A este acto asistiron representantes de colectivos e asociacións de mulleres da provincia.
"Non hai nin un só xesto feminista que teña que ver coa violencia", dixo emocionada Carmela Silva. "A igualdade ante a lei e o primeiro capítulo no credo feminista", proclamou a presidenta recollendo as palabras escritas en 1917 por María Vinyals. "Ela xa defendía, no século XIX, a emancipación absoluta, a eliminación da prostitución, o sufraxio feminino ou a educación da muller", engadiu.
No seu discurso a presidenta insistiu en que "xuntas somos máis fortes, que ninguén nos debilite. Xuntas faremos o camiño máis rápido porque a igualdade é o dereito fundamental do mundo. Polas mulleres, imos seguir loitando todos os días do ano e o 8 de marzo é a nosa referencia", concluiu.
Despois do acto institucional, tanto a presidenta da Deputación como os deputados do goberno provincial, participarán ao longo desta fin de semana en diversas actividades e actos reivindicativos pola igualdade ao abeiro do Día da Muller, entre elas, os actos do Foro Universo Muller en Pontevedra; a mostra das federacións deportivas; ou a carreira pola igualdade do domingo á que asistirá Carmela Silva e na que a Deputación fará un reparto de camisetas.