Seis aloitadoras e unha gandeira serán homenaxeadas na Lama con motivo do Día Internacional da Muller
Por Redacción
A Asociación de Mulleres en Igualdade (MEI) de Cerdedo-Cotobade, A Lama e Ponte Caldelas en colaboración co Concello da Lama realizarán unha homenaxe a seis aloitadoras das asociacións cabalares da Lama e Cerdedo-Cotobade pola súa participación na Rapa das Bestas en Cuspedriños. Ademais, tamén se recoñecerá a promoción do apoderamento feminino no sector gandeiro a través de Macarena Solla, veciña de Xende.
O evento desenvolverase este sábado 7 ás 12.00 horas no Salón de Plenos do Concello da Lama e está prevista a presenza do alcalde Jorge Canda e do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias da Xunta de Galicia, José Balseiros.
As aloitadoras Sandra Souto, Diandra Amorín, Mónica González, Ainara Fernández, Nadia González e Judit Moraleda serán as seis cabaleiras que, xunto á gandeira, recibirán esta homenaxe con motivo da celebración do Día Internacional da Muller.
O Concello tamén organizará o vindeiro martes 10, con escolares do colexio da Lama, obradoiros orientados a mellorar os estereotipos de xénero que desenvolverá o Centro de Información á Muller (CIM) dirixidos a estudantes de quinto e sexto de educación primaria. Durante o mes de maio están previstos dous cursos máis destinados á diversidade e á identidade de xénero.