A Brilat móvese por cinco zonas de adestramento en terreos de Comunidades de Montes a menos de 20 quilómetros da base
Por Anxo Lourido
O xeneral-xefe da Brilat Galicia VII Luís Cortés Delgado afirmaba este xoves 5 de marzo que as tropas militares da Base de Figueirido xa están a saír a diferentes zonas de adestramento, dentro da operación de procura de espazos para formación que o máximo responsable da Brilat se marcara como obxectivo na súa chegada a Pontevedra.
"El tema está saliendo a flote", apuntou Cortés Delgado, para indicar que existen cinco zonas a menos de 20 quilómetros na contorna da base 'General Morillo' en Vilaboa coas que manteñen negociacións. O xeneral-xefe apuntou que algunhas "no se encuentran tan cerca como quisiéramos" pero amosou o seu optimismo pola resposta de varios alcaldes da provincia e pola disposición mostrada polas Comunidades de Montes.
Luís Cortés sinalou que necesitan diferentes espazos que permitan levar a cabo manobras de distinto tipo. "Necesitamos que algunas tengan bosque y otras que no", engadiu. Segundo sinalan desde a Brilat aínda non están totalmente pechados os acordos e por este motivo non se poden facilitar os puntos de adestramento. Afirman, en todo caso, que as negociacións van por moi bo camiño e, ata o momento, o exército non obtivo ningún reparo para dispoñer destas zonas.
VJTF
O xeneral tamén apuntou que se atopan pendentes da avaliación para a integración dun batallón na Brigada VJTF (Very High Readiness Joint Task Force) da OTAN.
Avanzou que a finais de maio trasladaranse a San Gregorio, en Zaragoza, para que persoal da Alianza Atlántica confirme que se cumpren os estándares tanto en persoal como en material e procedemento para integrarse na Forza Conxunta de Moi Alta Dispoñibilidade.
XURA DE BANDEIRA PARA PERSOAS CIVILES
Luís Cortés e o subdelegado de Defensa, Ángel de Miguel, anunciaron que o 30 de maio, ás 12.00 horas, con motivo do Día das Forzas Armadas, se realizará unha xura de bandeira civil na avenida de Montero Ríos.
As persoas interesadas deberán acudir á Subdelegación de Defensa para encher a solicitude para participar neste evento o realizalo a través do seu web.
Desenvolverase a exposición de material militar na Alameda ao redor das 10.00 horas dese mesmo día. Pola tarde, está previsto un concerto das Bandas de Música da Brilat e da Escola Naval Militar.
CORONAVIRUS
Por último, o xeneral-xefe indicou que na base militar de Figueirido están a seguirse os protocolos que marca o Ministerio de Sanidade, adaptados á vida militar, para evitar a presenza e o posible contaxio de coronavirus.
No caso de que se detecte algún caso entre a poboación de máis de 2.000 persoas da base, apuntou Cortés Delgado, está previsto que o servizo sanitario do cuartel se poña en contacto cos dispositivos da Sanidade civil para actuar seguindo todas as indicacións que se lles transmitan.
"Tal y como está España, estamos nosotros. Somos una parte más de España", asegurou o representante militar mostrando a súa preocupación ante a expansión do virus do COVID-19.