Detido un veciño de Poio por agredir a súa ex parella e, un día despois, provocar unha forte discusión na rúa
Por Redacción
A Policía Local de Poio detivo o pasado martes 25 de febreiro un home como presunto autor unha agresión á súa ex parella sentimental.
Un día despois da agresión, o mesmo home volveu provocar unha forte discusión coa muller en plena vía pública, no parque de Santa Rosalía, a poucos metros das dependencias da Policía Local por cuestións relacionadas coa custodia do fillo en común entre o agresor e a vítima.
A propia vítima advertiu ás autoridades do que estaba sucedendo, segundo a información facilitada pola Policía Local de Poio.
No que vai de ano 2020, a Policía Local de Poio investigou outros dous veciños por delitos de violencia de xénero. Un deles protagonizou un altercado nun establecemento do núcleo de San Salvador. Testemuñas presenciais foron as encargadas de alertar aos axentes, que abriron dilixencias para aclarar un posible delito de ameazas e insultos.
O máximo responsable da Policía Local, Antonio Duarte, fai fincapé na importancia de que as vítimas deste tipo de agresións machistas presenten denuncia, unha tendencia que, pouco a pouco, vai aumentando. Neste sentido, Duarte lembra que durante o 2019 foron seis os detidos por protagonizar actos de violencia de xénero, ademais de outros tantos investigados. Incumprimentos de ordes de afastamento, episodios violentos no ámbito familiar ou agresións foron algunhas das accións perpetradas polos sospeitosos.
Duarte lembra que a Policía Local garante a privacidade ás vítimas á hora de tramitar as denuncias.
A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, lembra que os integrantes do corpo de seguridade reciben formación continua para estar preparados para facer fronte a este tipo de casos.
Os axentes dispoñen desde principios de 2020 dunha nova acta para documentar de xeito máis eficaz posibles casos de violencia machista ou doméstica. Trátase dun documento que se inclúe na plataforma Xespol, a través da cal a Policía Local xestiona, de xeito áxil e efectivo, as diferentes actuacións que desenvolven no seu día a día
Relacionadas:
-
Detido tras roubar un microondas do interior dun vehículo en Poio
Por Redacción | Creada e actualizada