Comeza a replantación do parque da Tomba con 25.000 novos exemplares de árbores
Por Redacción
A Concellería de Montes de Pontevedra continúa o acondicionamento do segundo parque forestal urbano situado nos terreos da Tomba, na parroquia de Campañó. Nos útlimos días a actividade centrouse no corte de especies invasoras, na poda sanitaria de carballos e na plantación de castiñeiros.
O proxecto do parque da Tomba contempla manter as árbores actuais e plantar 25.000 novos exemplares de diversas especies. En total, estímase a plantación de 22 hectáreas de souto, 20 hectáreas de frondosas (castiñeiros e carballos), e 15 hectáreas de bosque mixto.
O plan tamén inclúe unha plantación de 3 hectáreas de 5.000 oliveiras que formarán parte dun proxecto experimental de aproveitamento produtivo a partir de clons de especies de oliveira autóctona galega. En total, o futuro parque forestal ocupará unha extensión de 62 hectáreas e, ademáis, contará cun miradoiro na parte alta.
A acacia constátase como a principal especie invasora, pola que xa se actuou manualmente nunha superficie de 45 hectáreas para eliminala. Mentres, a poda sanitaria, centrada nas limpezas de carballos xa plantados, completará este mes un ámbito de actuación de ata 6 hectáreas.
A plantación de castiñeiros, pola súa parte, comezou na zona suroeste do parque que xa conta con 3.700 árbores plantadas duns 50 centímetros, e estímase que no prazo de tres anos poida verse a súa envergadura dende Pontevedra. Ademáis, o plan prevee acondicionar 17 quilómetros de sendas das que 1,1 quilómetros poderán ser transitadas por coches e 15,9 quilómetros por peóns e ciclistas de paseo.
O proxecto, que conta cun orzamento de 372.254,54 euros e foi adxudicado á empresa Elsamex, ten un prazo de execución que abrange ata final de ano para asegurar labores de limpeza e respectar as épocas de plantación propias de cada especie.
Relacionadas:
-
Plantación de oliveiras na Tomba para obter aceite 'made in' Pontevedra
Por Redacción |
-
Carballos e castiñeiros chegan 'in extremis' ao parque forestal da Tomba
Por Alejandro Espiño |
-
O parque forestal da Tomba estará acondicionado en decembro
Por Alejandro Espiño |
-
Comezan os traballos de creación do segundo parque forestal de Pontevedra: A Tomba
Por Redacción |