Menos de 6 anos de prisión para Lui Volina, que recoñece ser narcotraficante e liderar un grupo criminal desde Caldas
Por Anxo Lourido
Lui Volina, un cidadán macedonio residente en Caldas, sentaba este martes no banco dos acusados da sección cuarta da Audiencia de Pontevedra xunto a un dos seus clientes, Eduardo R. Estévez. Ambos estaban acusados como autores dun delito contra a saúde pública por tráfico de drogas.
No caso de Lui Volina, a Fiscalía acusábao de ser tamén líder dun grupo criminal. As penas que se solicitaban inicialmente polo Ministerio Fiscal era de 11 anos para Volina e de 9 para Estévez.
Os acusados formaban parte dunha trama criminal que foi sometida a xuízo e que terminou cunha sentencia na que seis persoas de diferentes nacionalidades foron condenadas pola Audiencia Provincial de Pontevedra en febreiro de 2017. Naquel entón, Lui Volina e Eduardo Estévez non se personaron na vista oral e se atopaban en busca e captura.
Volina estivo relacionado durante a última década co tráfico de heroína e este martes recoñecía os feitos que lle imputa a Fiscalía de provisión e comercialización de substancias estupefacientes, heroína e cocaína, durante 2012 e 2013 cando lideraba a agrupación criminal que foi detida cando trasladaba seis quilos de heroína para a súa venda en Vilagarcía de Arousa.
Os avogados das defensas e o representante fiscal Pablo Varela chegaban a un acordo cunha importante rebaixa das penas solicitadas inicialmente. Os acusados beneficiáronse ao recoñecer os feitos e polas dilacións indebidas da causa. Desta forma, Lui Volina aceptaba unha condena de cinco anos e seis meses de prisión por un delito contra a saúde pública e cinco meses por pertenza a grupo criminal mentres que Eduardo R. Estévez era condenado a un ano e seis meses de prisión por tráfico de drogas.
Víctor Bouzas, avogado do cidadán macedonio, solicitou a substitución da pena pola expulsión do territorio nacional mentres que o avogado de Eduardo R. Estévez pedía ao tribunal a suspensión ordinaria xa que os antecedentes son cancelables. Ambas as solicitudes resolveranse na execución da sentenza
Relacionadas:
-
A Audiencia apraza o xuízo contra un home acusado de dirixir unha banda de narcotraficantes
Por Oskar Viéitez |
-
A Fiscalía pide once anos de prisión para un home acusado de dirixir e coordinar unha banda plurinacional de narcotraficantes
Por Redacción |
-
Multa dun millón de euros e 34 anos de prisión para un grupo plurinacional de narcotraficantes
Por Natalia Puga |