Obrigan a retirar un depósito de Repsol á beira dos edificios na rúa Tablada
Por Redacción
O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra dá un prazo de seis meses para a retirada dun depósito de Repsol situado nunha zona verde da rúa Tablada, á beira dos edificios nun lugar público que o Concello non vía o máis adecuado para este tipo de instalación.
O Concello iniciou os trámites para a súa retirada, pero neste proceso a comunidade de propietarios dos números 6 e 8 da rúa Tablada acudiu ao xulgado negándose a facelo. Agora, nesta sentenza dáse por caducado o recurso e obrígase á retirada.
Segundo deu a coñecer este luns a voceira do Goberno local, Anabel Gulías, o Concello acaba de ter coñecemento desta resolución que dá medio ano para liquidar a situación. Desde o Executivo municipal consideran que o depósito da polémica non pode continuar alí por estar en "un lugar público accesible".
Doutra banda, xa é firme a resolución xudicial que dá a razón ao Concello de Pontevedra no recurso contencioso administrativo presentado polo Concello de Sanxenxo en relación co contrato do servizo de auga e saneamento. Sanxenxo foi ao xulgado ao entender que non debía estar vinculado ao contrato da auga de Pontevedra, pero un xulgado deulle a razón á cidade capitalina. Agora, a sentenza xa é firme porque o goberno sanxenxino non presentou ningún recurso.