Queren máis lombos para mellorar a seguridade viaria na Barriada de Mogor
Por Redacción
A Asociación de Veciños da Barriada de Mogor conta con nova directiva, cuxos responsables mantiveron un encontro coa alcaldesa de Marín María Ramallo, que estivo acompañada polos concelleiros Manuel Santos, Cristina Acuña e Marián Sanmartín.
A veciñanza trasladaba ao Concello as principais demandas para esta zona que se centran nun incremento de medidas para garantir a seguridade viaria, debido a que no verán se incrementa o tráfico rodado nesta contorna de praias. Por este motivo, os representantes veciñais solicitaron a instalación de máis " lombos", que axuden a que se reduza a velocidade.
Tamén solicitaron a instalación de bancos con respaldo na zona da muralla perimetral, ademais da creación dunha pista de petanca. Tamén se propuxo aos representantes posibilidades a posibilidade de que se acometa unha ampliación do parque infantil e da zona da Alameda.
Outra solicitude realizada polos integrantes da directiva céntrase na dinamización do centro social da Barriada de Mogor. Piden unha programación máis estable e continuada con máis iniciativas culturais e de lecer durante os meses de verán.
No encontro tamén se tratou o tema da instalación do composteiro comunitario do Plan Revitaliza da Deputación previsto para esta zona. Segundo indican desde o Concello de Marín, primeiro van comprobar o funcionamento dos outros dous depósitos que se montarán en Sequelo e na Cañota, antes da posta en marcha desta iniciativa en Mogor.