Campo Lameiro acorda coa Xunta unha reforma na escola infantil
Por Redacción
O alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa Domínguez, e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acordaron a realización de obras e a mellora do sistema de calefacción da Escola Infantil Galiña Azul, con cargo ao fondo de compensación.
Os traballos a realizar faranse en base a unha memoria valorada que están preparando os servizos técnicos municipais e que recollerán investimentos nunha nova bomba de calor para mellorar o sistema de calefacción, así como para pechar a cristaleira dunha zona de paso, entre outras necesidades.
Durante a visita á Galiña Azul o xerente do Consorcio declarou que a medida será de aplicación automática nas escolas xestionadas pola Xunta de Galicia a partir do 1 de abril, polo que as familias non terán que levar a cabo ningún trámite. Recordou ademáis que a gratuidade será aplicada sobre a atención educativa mentres que outros servizos, como o comedor, seguirán correndo a cargo das familias.
O investimento total, ligado a unha memoria valorada, farase dentro do sistema de confinanciación entre o Consorcio e os concellos integrados na Fegamp. O Concello de Campo Lameiro terá así que afrontar os traballos a realizar adiantando o orzamento necesario para a súa execución. Este pagamento será detraído da liquidación que abona a administración local ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que é de 900 euros anuais por nena ou neno matriculado.