Alerta laranxa no interior da provincia por ventos fortes a partir da noite deste venres
Por Redacción
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta activou unha alerta laranxa con motivo da previsión de fortes ventos no interior da provincia de Pontevedra a partir da noite deste venres 28. Esta alerta esténdese á Mariña e á Montaña de Lugo, ademais da Coruña. A esta situación súmase a alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias de Lugo e A Coruña.
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) indica que os fenómenos meteorólóxicos adversos de vento e costeiros iniciaranse a primeiras horas da noite. Os ventos serán de sur e suroeste en terra coa posibilidade de lograr os 100 quilómetros por hora. No litoral espéranse ventos do suroeste de forza 8 e ocasionalmente 9, derivados da borrasca Jorge que afecta á península Ibérica.
Desde a Xunta alertan á cidadanía sobre a posibilidade de que o mobiliario urbano se desprace con motivo do forte vento e que restos de árbores e polas caian sobre a vía provocando problemas na circulación do tráfico. Tamén lembran á poboación que é necesario adoptar medidas de protección desde a retirada de obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns ou xanelas a evitar paseos por zonas nas que se atopen os edificios en ruínas ou en construción, así como por espazos que conten con arboledo, paneis de publicidade ou calquera obxecto que corra o perigo de que se desprace polo vento.
Aconséllase tamén a suspensión das actividades no mar nas zonas máis perigosas e extremar as medidas de seguridade coa revisión dos cabos e amarres das embarcacións. Ante calquera adversidade, recoméndase a consulta da web do 112 Galicia.