Deteñen un home multirreincidente por un roubo con forza nunha xoiería de Vilagarcía
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vilagarcía de Arousa detiveron este mércores un veciño de localidade como presunto autor dun roubo con forza nunha xoiería.
Os feitos producíronse na madrugada deste mércores 26 de febreiro. Os axentes recibiron unha chamada na sala do 091 sobre as 05.20 horas alertando dun roubo nun establecemento.
Segundo lles relataron, o roubo produciuse tras fracturar o cristal do escaparate, de modo que os axentes dirixíronse inmediatamente ao lugar. Tras realizar unha inspección ocular e iniciar as investigacións pertinentes, tiveron coñecemento de que un individuo estaba a ofrecer xoias a cambio de droga pola zona.
Os policías localizaron na rúa ao citado individuo e realizáronlle un cacheo de seguridade no que lle atoparon unha moeda de prata escondida, que procedía do roubo á xoiería desa madrugada. O sospeitoso declarou que o resto de obxectos tíñaos escondidos no domicilio dunha amiga.
Os axentes detivérono como autor dun roubo con forza e el fíxolles entrega dunha caixa coas xoias presuntamente subtraídas na xoiería: 4 reloxos, unha moeda de prata e outra dourada, 21 aneis e 8 pendentes.
Todos os obxectos, unha vez recoñecidos, fóronlle entregados ao seu lexítimo propietario polos axentes policiais.
O detido é un home de 47 anos de idade con múltiples antecedentes policiais. Tras prestar declaración en dependencias policiais, foi posto a disposición xudicial.