Concesión administrativa no Porto de Marín para unha empresa líder no sector de reparación de sistemas de telecomunicacións vía satélite
Por Redacción
O Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Marín reuníase na tarde deste xoves e outorgaba unha concesión administrativa á empresa Satlink S.L. para o desenvolvemento da súa actividade de reparación de sistemas de telecomunicacións vía satélite e equipos de axuda á navegación e goberno a bordo de buques.
Os principais clientes desta empresa de enxeñería española son entidades que se dedican ao atún no marco internacional e a maioría da frota pesqueira de portos españois, que utilizan os seus sistemas para a transmisión vía satélite do lugar no que se atopan cando realizan a súa actividade pesqueira.
Por outra banda, tamén se aprobaba a instalación dunha planta solar fotovoltaica de autoconsumo para a cuberta da nave da empresa frigorífica Cabomar Conxelados S.A.U. Desde o Consello de Administración tívose en conta que este cambio permitirá unha rebaixa no consumo eléctrico, rduciedno tamén a emisión de gases á atmosfera.
José Benito Suárez Costa, presidente da Autoridade Portuaria, tamén trasladou ao Consello os datos do peche do exercicio 2019. Sinalou que se moveron 2.472.000 millóns de toneladas, dos que 888.504 toneladas correspóndense a graneis sólidos.
A pesca conxelada é a mercadoría que experimentou un maior incremento respecto a 2018, alcanzando unha subida do 14,53%. Segundo sinalou o máximo responsable do porto durante o pasado ano máis de 500 buques atracaron nas instalacións portuarias de Marín.