Tres locais inician a tempada de furanchos en Marín
Por Redacción
Tres furanchos xa contan con licenza de actividade para este ano en Marín. A concelleira de Turismo e o de Medio Rural, Cristina Acuña e Pablo Novas, entregaron este xoves os tres primeiros permisos aos donos dos Furancho a Maña, na Brea; Furancho de Víctor, en Castro; e Furancho de Antonio, en Allariz. Os emprendedores recibiron os carteis acreditativos que colocarán nos seus establecementos.
"Aínda temos máis solicitudes presentadas que se irán tramitando ao longo das próximas semanas", avanzou Acuña.
A ordenanza que regula este tipo de establecementos hostaleiros recolle que os furanchos poden abrir desde principios de febreiro durante un período máximo de tres meses. Por iso, moitos prefiren "atrasar a súa apertura ata que chegue o bo tempo, sobre todo a partir de Semana Santa", puntualizou Acuña.
Para obter unha licenza deste tipo, os solicitantes deben cumprir unha serie de requisitos. O horario de apertura é de 12 a 24 horas cunha hora adicional para as noites da fin de semana, unha superficie mínima de 10 metros e máxima de 150, o viño que se vende debe ter orixe en viñas emprazadas no municipio marinense ou da comarca e non pode ser embotellado.
En canto á carta, só poderán servirse catro tipos de tapas: tortilla, empanada, orella ou chourizo e zorza ou raxo.
Relacionadas:
-
Marín fai público a listaxe dos catorce furanchos que poderán abrir ata o 31 de xullo
Por Redacción |
-
A Xunta invita os furancheiros a solicitar nos Concellos a apertura dos seus establecementos ata o 31 de xullo
Por Redacción |
-
O Concello de Marín inicia en Santo Tomé de Piñeiro o seu plan de mellora de camiños rurais
Por Redacción |
-
Comeza a tempada de furanchos en Marín
Por Redacción |