O Comité Executivo Provincial do PSOE elabora a candidatura por unanimidade
Por Oskar Viéitez
O candidato á Presidencia da Xunta de Galicia, Gonzalo Caballero, encabezará a candidatura do PSdeG-PSOE pola provincia de Pontevedra para as próximas Eleccións Autonómicas. Así figura na proposta que o Comité Executivo Provincial acordou este mércores comunicar á Comisión Nacional de Listas para o seu ditame antes de ser aprobada este, xoves, polo Comité Nacional.
As listas finais das catro provincias galegas terán o referendo final polo Comité Federal do próximo venres.
O secretario xeral provincial, David Regades Fernández, subliñou que a proposta da Executiva Provincial elaborouse, por unanimidade, "despois dunha análise polo miúdo das votacións realizadas estes días nas agrupacións locais á que se engadiron criterios de representación social e territorial", salientou.
Despois de Gonzalo Caballero integran os 10 primeiros postos as seguintes persoas: 2, María Isaura Abelairas Rodríguez (Vigo); 3, Julio Torrado Quintela (Vilagarcía); 4, María Luisa Pierres López (Pontevedra); 5, Leticia Gallego Sanromán (Vigo); 6, Daniel Chenlo Padín (Pontecesures); 7, Olga Rodríguez Puga (Redondela); 8, Paula Fernández Pena (Silleda); 9, José Antonio Dono López (A Estrada) e 10, Francisco de Asís Candeira Mosquera (Ponteareas).
Deste xeito, a Executiva ratifica as decisións adoptadas en asemblea extraordinaria pola Agrupación Municipal do PSOE de Pontevedra, integrando na súa proposta como número 4 a María Pierres e como número 11 a Rafael Cotelo. A pontevedresa María Pierres foi a persoa que máis número de apoios reuniu con 833 votos.
David Regades remarcou, durante a súa intervención diante da Executiva, que a provincia de Pontevedra "é o músculo electoral do PSdeG-PSOE, polo que hai que esforzarse ao máximo durante a campaña electoral para levar a Gonzalo Caballero ata a Presidencia da Xunta de Galicia".
O secretario xeral anunciou que será unha campaña moi propositiva, na que os socialistas pontevedreses esforzaranse por trasladar á sociedade que Galicia merécese outro xeito de gobernar, en sintonía cos problemas reais da xente e os retos pendentes para impulsar o desenvolvemento socioeconómico da nosa terra.
Relacionadas:
-
Caballero promete desde Pontevedra gratuidade en escolas infantís e en primeiras matrículas en universidade
Por Redacción |
-
O PSOE defenestra tamén a María Pierres e coloca a Paloma Castro de número 3 para o 5A
Por Redacción & Natalia Puga |
-
Luís Bará repetirá como número 1 do BNG pola provincia de Pontevedra
Por Redacción |
-
María Pierres encabeza a candidatura elixida pola militancia socialista para as eleccións do 5 de abril
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada