Filloas, cotillón, photocall e música na festa do Entroido invernal de Ponte Caldelas
Por Redacción
A discoteca Reivi volvía abrir as súas portas este martes para celebrar a festa de Entroido destinada ao público familiar en Ponte Caldelas. Durante cinco horas, numeroso público achegábase ata este local para participar do desfile.
Como é habitual non faltaba nesta cita o cotillón, o photocall e a animación musical que corría a cargo do grupo 3.com. Tampouco faltaron os doces típicos destas festas coa degustación de filloas gratis para os asistentes recheas de nata e de chocolate.
Esta cita converteuse nun anticipo invernal da aposta do goberno local de Ponte Caldelas polo Entroido de Verán, que se celebra durante o mes de xuño. Para entón desenvolverase un desfile de disfraces con premios individuais do mesmo xeito que para comparsas e grupos. O traslado deste evento a datas estivais pretende adaptar a celebración a unha época na que acompañe a meteoroloxía e poida xerarse máis actividade económica na hostalería e no comercio local, segundo apuntan desde o goberno local.