Comisións Obreiras ameaza con protestas ante os recortes de persoal e o "amazonamento" en Correos
Por Redacción
Comisións Obreiras, o sindicato que conta con maioría en Correos, alerta sobre a situación que atravesa o persoal da empresa de Correo Público. Sinalan que desde a Dirección Estatal da Empresa se está a impoñer un deterioro do servizo en todas as provincias de Galicia, pero sobre todo en Pontevedra.
Este sindicato afirma que se deixan de cubrir entre 45 e 50 prazas que deberían esta atendidas con contratos estables na provincia. Indican que esta situación vén derivada da crise económica cando se producían baixadas do Produto Interior Bruto, pero os representantes sindicais entenden que agora carece de sentido cando na actualidade a economía sobe ao 1,7%.
O sindicato maioritario alerta de que en Correos entrouse nun período de "amazonamento" que se caracteriza pola precarización dos postos de traballo na empresa pública. Sinalan que esta situación provoca un "grave prexuízo á cidadanía" de Pontevedra, en localidades como Vilanova de Arousa e Illa de Arousa, onde se pasaría a realizar a repartición en dúas ou tres días á semana. Nalgunhas zonas rurais estableceranse un ou dous días de repartición.
Estas medidas incumpren, segundo os representantes de CC. OO., o mandato da Lei Postal e da Directiva postal europea. Ademais de que repercutirán na repartición da propaganda electoral nas próximas eleccións autonómicas á Xunta de Galicia do próximo 5 de abril.
Esta situación tamén afecta a localidades como Cambados, Vilagarcía de Arousa, Sanxenxo, Cangas do Morrazo, Moaña, Bueu ou Marín, onde o actual cadro de persoal asume unha carga de traballo excesiva que provoca graves problemas de tensións e ansiedade con situacións de risco e derivando en baixas, segundo a central sindical.
Comisións Obreiras solicitou unha reunión ao director de zona cos responsables de Distribución, Loxística, Oficinas e Recursos Humanos para buscar unha solución a este axuste de persoal. No caso de que non reciban unha resposta, o sindicato anuncia unha campaña de protesta ante as institucións e os grupos políticos de Galicia antes das eleccións autonómicas sen descartar a opción de convocar unha folga.