A liquidación do orzamento do Concello de Poio deixa un remanente de case 2,5 millóns de euros
Por Redacción
O peche e liquidación do Orzamento municipal correspondente ao ano 2019 será un dos asuntos a tratar no Pleno ordinario deste martes, que dará comezo ás 19.30 horas. Se ben a cifra inicial quedara fixada en 12.646.000 euros, o crédito final ascendeu a máis de 17,4 millóns.
O concelleiro de Economía e Facenda, Xulio Barreiro, explica que esta diferencia atende "a criterios de prudencia", xa que "ao longo do ano recibimos achegas que inicialmente non se contemplan no documento".
Tal e como se reflicte no informe elaborado polo departamento de Intervención, a día 31 de decembro do ano pasado o Remanente de Tesourería ascendía a 2,4 millóns de euros, unha cantidade que "segue a tendencia que vimos marcando ao longo dos últimos anos", salienta Barreiro.
Destes 2,4 millóns de euros, preto do 50% (concretamente, 1.094.000 euros) destinaranse a investimentos, tal e como garantiu o concelleiro de Facenda. O resto corresponde a obras "que xa están comprometidas ou en marcha".
En canto ao nivel de execución do Orzamento do ano pasado, o informe de Intervención constata que os ingresos completáronse ao 97,4%. A porcentaxe correspondente aos gastos quedou fixada nun 96,8%.
"Estes datos falan da eficacia da xestión que se vén desenvolvendo ao longo dos últimos exercicios", sinala o concelleiro do departamento de Economía e Facenda, que engade que desde a conclusión do exercicio pasado o Concello dispón de preto de tres millóns de euros nas súas contas bancarias.
Ademais, Xulio Barreiro deixou claro que en ningún caso o incumprimento do Plan Económico Financieiro vai a supoñer restricións ou recortes en investimentos ou en achegas a diferentes áreas, tal e como afirmou hai uns días o grupo da oposición.
Barreiro insiste en que a débeda da Administración municipal "está totalmente controlada e ben estruturada", polo que "entendemos que é moito máis necesario acometer inversións e asumir gastos para garantir servizos e cubrir as necesidades das veciñas e veciños de Poio".