A CIG reclama á Fiscalía que actúe de oficio no caso do peche da empresa Nexia
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
Os traballadores de Nexia Infraestructuras evitan as fotos porque desde a empresa xa lles avisaron de que se figuran en reivindicacións quedarán sen traballo no sector. Así o manifestan integrantes do cadro de persoal que este luns participaban na rolda de prensa ofrecida por Xaquín Agulla, secretario comarcal da CIG-Construción, para reclamar á Fiscalía de Pontevedra que interveña neste conflito laboral unha vez que a Inspección de Traballo instou á Seguridade Social a conceder a baixa ás 62 persoas que actualmente forman parte do cadro de traballadores. Outros cinco pediron a baixa voluntaria.
Esta decisión por parte da Inspección de Traballo permite que o Fondo de Garantía Salarial (Fogasa) se faga cargo das indemnizacións e que o persoal poida recibir a prestación por desemprego. Xaquín Agulla indicou que hai uns días, a empresa tentou que a representación da CIG asinase un acordo de ERE para rescindir a maior parte dos contratos, pero sen presentar a solicitude correspondente ante a autoridade laboral.
Desde o sindicato indican que mesmo se chegou a ameazar no caso de que non aceptasen con non achegar os certificados de empresa para que o persoal puidese optar ás prestacións de desemprego.
Agulla criticou que o propietario da empresa "supostamente" se atopa en Panamá e que trasladase aos traballadores que un grupo investidor potente ía adquirir a empresa. Esta venda fíxose efectiva o 5 de febreiro a Realcom Maquinaria, unha sociedade instrumental que se atopa vencellada a Nexia, segundo apuntaba o representante da CIG.
"Fiscalía tiña que actuar de oficio", afirma Xaquín Agulla, molesto coa actitude do fiscal xefe Juan Carlos Aladro por non intervir nesta situación para depurar responsabilidades cando Inspección de Traballo tratou 15 días en localizar a un interlocutor válido na empresa. Os provedores acudiron ante o Ministerio Fiscal para solicitar a intervención e, segundo sinala o sindicalista, só lles aconsellaron que presentasen unha denuncia formal.
Agulla indica que o peche da empresa deixa varias obras públicas sen rematar e as arcas do Estado será quen pague os salarios e as indemnizacións pendentes. Lembra que esta situación repite o precedente da empresa Sercoysa, unha sociedade do mesmo sector e que foi fundada polos mesmos socios.
O representante sindical tamén alertou as administracións públicas para que sexan máis rigorosos á hora de adxudicar concursos públicos. Neste sentido, sinalou que Nexia Infraestruturas presentaba ofertas á baixa e agora tanto concellos como a Deputación Provincial atópanse con obras colgadas.
Relacionadas:
-
Afectados pola creba de Nexia: "Tomáronos o pelo e nolo seguen a tomar. Foi algo premeditado"
Por Alejandro Espiño |
-
Moraña volve a licitar a mellora viaria de Chan de Amil e da contorna perimetral do Santuario dos Milagres
Por Redacción |
-
O Concello convoca aos veciños da Seara para informar da situación da obra de Nexia
Por Redacción |
-
A Inspección de Traballo citará o representante de Nexia a vindeira semana para analizar responsabilidades
Por Anxo Lourido |