Manuel Campos di que "a Xunta utiliza as emerxencias como un xoguete político"
Por Redacción
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos Velay, realizou este sábado unha valoración da situación dos servizos de emerxencias tanto a nivel local como comarcal tras os últimos "bandazos" da Xunta relacionados co Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) que prestaba servizo en Valga. O rexedor cualifica como "pouco serio o que está facendo o goberno galego coas emerxencias cando estamos ante un servizo básico para os cidadáns".
Afirma que "están utilizando o GES como un xoguete político" e ve "inaceptable que se produza este mercádeo cun servizo imprescindible que deberían tratar con moita maior responsabilidade".
O rexedor lembra que "no seu momento o GES de Valga asentouse nese concello por motivos puramente políticos, sen analizar en ningún momento a situación na que quedabamos concellos como Cuntis que finalmente fomos enmarcados no GES de A Estrada que xa de por si é un dos municipios con maior extensión de Galicia".
"O primeiro que terá que facer a Xunta se quere cambiar o mapa de emerxencias comarcal é falar con todos os concellos afectados e distribuír o servizo en función dos recursos e necesidades de cada concello, pero non sosterse en cuestións partidistas como está a facer". Por iso, lamenta que "os concellos que estivemos realizando esforzos para atender a zona investindo en recursos propios parece que non contamos para nada".
Cuntis é, precisamente, o único concello da zona que dispón dun servizo municipal de emerxencias e protección civil. En contraposición á "desorganización da Xunta", o alcalde sinala que "apostamos claramente por un servizo propio porque é a mellor forma de dar no menor tempo posible unha atención directa ás emerxencias en tempo real coordinado co 112 Galicia e de realizar unha valoración inicial da emerxencia que permita unha mellor mobilización dos medios necesarios para cada situación".
Manuel Campos engade que "este servizo permítenos ofrecer un tempo de resposta no noso concello que non supera os 10 minutos no 90% dos casos e os 15 no resto". "Somos, polo tanto, o único concello que dedica anualmente fondos propios a este servizo que mellora considerablemente a atención ás emerxencias, non só en Cuntis, senón tamén en municipios limítrofes cando somos requiridos polo 112", explica o alcalde.
O custe anual destinado ao corpo de emerxencias supera os 100.000 euros entre salarios e material, unha cantidade que é aportada integramente polo Concello e a Deputación de Pontevedra sen que a Xunta colabore economicamente. Como afirma Manuel Campos, "a valoración do corpo é excelente, tanto que é o servizo mellor valorado polos veciños de Cuntis".
O Concello de Cuntis atópase actualmente na zona de influencia do GES de A Estrada, pero as súas intervencións no municipio redúcense ás emerxencias máis graves complementadas coa atención do corpo de bombeiros de Vilagarcía.
O Concello dispón actualmente dunha base de emerxencias no situada no campo de fútbol das Canteiras e, ao mesmo tempo, disponse dunha base de Medio Rural nas antigas escolas de Troáns que dá servizo a toda a comarca.
Manuel Campos lembrou neste senso que "o que pretendemos no Concello de Cuntis é a unificación destes dous servizos nun mesmo emprazamento e así llo trasladamos en 2017 ao director xeral de Emerxencias, naquel momento, Luís Menor".
"Nas reunións mantidas" –explica- "entregamos un proxecto consistente na creación dunhas novas instalacións nun punto estratéxico (na zona do campo de fútbol á beira da N-640) nas que se unificarían os servizos municipais e os de medio rural redundando nunha maior eficacia na atención aos cidadán".
"A Xunta mostrouse moi receptiva coa proposta do Concello de Cuntis e nós seguimos dispostos a materializala", afirma o alcalde.
Manuel Campos apunta finalmente que "o único que lle pedimos á Xunta dende Cuntis é que polo menos se nos aporte material para poder desenvolver o noso traballo". "Hai vehículos de emerxencias aparcados nos garaxes ou destinados a funcións que non lles corresponden mentres nós ofrecemos un servizo con medios propios e a Xunta mira para outro lado".
"Polo tato, pedimos que se reúna a comisión e se analicen as necesidades e o que fai cada concello", engadiu o alcalde socialista.
"Nos estamos dispostos a dar cobertura co noso corpo a municipios veciños e incluso a acoller o novo GES, pero antes temos que sentarnos todos os implicados e analizar realmente o que pasa coas emerxencias porque, insisto, isto non é o xoguete político de ninguén. As emerxencias son algo moi serio e a Xunta non as está tratando con responsabilidade".
Relacionadas:
-
Moraña acepta a proposta da Xunta e será a nova sede do GES para a comarca do Ulla-Umia
Por Redacción |
-
"Sorpresa maiúscula" na Deputación pola decisión da Xunta de situar o GES en Moraña
Por Oskar Viéitez |
-
Moraña ofrécese a acoller o GES do Ulla-Umia despois da renuncia de Caldas
Por Redacción |
-
Caldas só adoptará o GES de Valga se o financian os concellos da Mancomunidade do Ulla-Umia
Por Redacción |
-
Protección Civil de Cuntis atendeu durante 2019 un total de 483 emerxencias
Por Oskar Viéitez |
-
Caldas rexeita polo momento acoller o GES de Valga ante as "dúbidas" sobre o seu traslado
Por Redacción |
-
Carmela Silva acusa a Rueda de denegar o GES ao Grove porque o alcalde é socialista
Por Anxo Lourido | Creada e actualizada