Os socialistas comezan a elaborar a candidatura pontevedresa
Por Redacción
O PSdeG-PSOE ponse en marcha para preparar as Eleccións Autonómicas do próximo 5 de abril.
O Comité Executivo Provincial reuniuse este venres, baixo a dirección do secretario xeral provincial, David Regades para aprobar o calendario de elaboración da candidatura pontevedresa.
Os socialistas elixen a súa candidatura durante a próxima semana, nun proceso que comeza este mesmo domingo, día 23, e remata o venres, día 28. Arranca coa celebración das asembleas en tódalas agrupacións locais da provincia entre os días 22 e 25 nas que poderán postularse os militantes.
A Comisión Executiva Provincial, á luz das votacións e de consultas con tódalas direccións, fará a súa proposta de candidatura o mércores, día 26. A Executiva Nacional fará o propio coas candidaturas das catro provincias galegas o día 27 e, finalmente, o Comité Federal dará a aprobación final o venres, día 28.
David Regades destacou que os socialistas volven dar exemplo de "cultura democrática" porque "somos un partido moi participativo e iso permítenos facer as mellores listas".