Poio adxudica o subministro eléctrico a Iberdrola por medio millón de euros
Por Redacción
O Concello de Poio adxudicou o subministro eléctrico á empresa Iberdrola Clientes S. A. U., que será a encargada de proporcionar enerxía a diferentes dependencias e instalacións de titularidade municipal, así como ao alumeado público.
O contrato desta licitación ronda aproximadamente os 500.000 euros, cando houbo anos nos que foi necesario investir ata 780.000 euros para garantir esta prestación.
Segundo estima a Concellería de Obras e Servizos, a medida servirá para que nos dous vindeiros anos o Concello acade un aforro neste apartado que superará os 90.000 euros, aos que se deben engadir a redución dos custes administrativos derivados da facturación municipal. A duración do contrato será dun ano, coa opción de ampliarse durante outros doce meses a maiores.
O departamento dirixido pola socialista Chelo Besada ten previsto que o contrato se formalice a principios de marzo.