Cultura quere converter o edificio de Facenda en San Francisco no Arquivo Histórico Provincial
Por Alejandro Espiño
O Goberno ten novos plans para a antiga sede de Facenda en Pontevedra, o nobre inmoble de San Francisco que está sen uso desde hai seis anos. O Ministerio de Cultura, ao que Facenda transferiu o edificio, prevé situar alí o Arquivo Histórico Provincial, que actualmente acolle un palacete situado en Paseo de Colón.
A intención de Cultura, adiantada por Carlos García en Faro de Vigo o pasado sábado e ampliada por Belén López no Diario de Pontevedra deste xoves, é crear un gran arquivo que permita, ademais, contar con espazos dedicados á investigación.
Fontes próximas ao Goberno confirman que os técnicos xa están a traballar no proxecto coa previsión de que a licitación da rehabilitación que haberá que realizar no edificio, que non será menor segundo adiantan, poida licitarse en 2021.
Antes diso, en todo caso, haberá que analizar o estado no que se atopa o inmoble e realizar un diagnóstico sobre as actuacións que se necesitarán realizar para adaptalo aos novos usos que tería como Arquivo Histórico Provincial.
Esta decisión do Ministerio de Cultura é vista con bos ollos desde o Concello de Pontevedra que, de forma reiterada, solicitara ao Goberno a recuperación do edificio para uso público. A última vez, a través da carta que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, remitiu a Pedro Sánchez o pasado mes de xaneiro, tras a súa investidura.
"A min paréceme unha excelente noticia", sinalou Fernández Lores, que celebra que o Goberno "acelere" este proxecto para evitar a deterioración do edificio, aínda que lamentou a "falta de delicadeza" que supón "enterarme pola prensa" destes plans.
En todo caso, o alcalde ofreceu ao executivo central "toda a colaboración" por parte do Concello para que este proxecto se materialice "canto antes" e abriu a porta á posibilidade de negociar que, na medida do posible, o edificio poida chegar a albergar tamén o arquivo provincial e o municipal.
Lores entende que será unha obra "complexa" e que, tras definir os usos e espazos, "se pode ter vida máis alá que como arquivo histórico provincial estariamos abertos a calquera negociación", xa que considera que sería "ideal" que o edificio permitise "unificar" todos os arquivos que hai en Pontevedra.
De ser así, engadiu, o edificio de San Francisco converteríase no "referente" da historia da cidade e da provincia, porque "facilitaría" os traballos de investigación. Sexa como sexa, concluíu o alcalde, "eu estou contento" co proxecto inicial que propón Cultura.
Relacionadas:
-
Piretrinas e bromadiolonas para conservar o pasado de todos
Por Mónica Patxot & Marisa Ciordia |
-
Rafa Domínguez reivindica o antigo edificio de Facenda como futura casa de cultura
Por Redacción |
-
O Concello ultima unha nova ofensiva polo antigo edificio de Facenda
Por Alejandro Espiño |
-
O antigo edificio de Facenda, futuro arquivo histórico provincial?
Por Alejandro Espiño |