O Concello de Poio e a Deputación pasan revista aos traballos na estrada de Campelo
Por Redacción
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, mantivo este mércores unha reunión de traballo coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que serviu para que tanto a máxima responsable do ente provincial como os membros do equipo de Goberno pasasen revista ao estado das obras do vial de Campelo, un proxecto cun investimento de 1,3 millóns de euros do que xa se completaron con éxito dúas das tres fases previstas.
A actuación agora en marcha continúa as dúas xa realizadas na zona máis próxima ao porto Campelo e na rúa Padre Avelino con fondos do Plan Concellos, polo que o investimento total da Deputación nesta estrada alcanza os 2,1 millóns de euros.
A reforma serve para mellorar a estrada e reforzar a seguridade viaria en favor dos peóns.
Tal e como lembrou Sobral, son varias as actuacións de relevancia que nos últimos catro anos, desde a chegada do bipartito ao goberno da institución pontevedresa, se están desenvolvendo en Poio, entre as que se atopan, ademais da rehabilitación deste vial, a mellora do campo de fútbol da Seca ou a humanización do núcleo da Seara.
No caso de Campelo, Sobral salientou que o desenvolvemento deste proxecto supón dar resposta "a unha demanda histórica, que viñamos reclamando desde hai máis de dez anos", pero que "a anterior Deputación non se tomaba en serio, a pesar dos nosos esforzos e de que mesmo o Concello de Poio foi o encargado de elaborar o proxecto".
Pola súa banda, Carmela Silva definiu a obra de Campelo como "un exemplo de gran modelo de mobilidade peonil".
Nun prazo aproximado de seis meses, "e tras anos e anos e anos de reclamacións, a obra será unha realidade", anunciou.
Relacionadas:
-
Os populares de Poio critican que a reforma de Campelo "non ten nada que ver co que prometeron"
Por Oskar Viéitez |
-
Malestar veciñal pola falta de beirarrúas no acceso a vivendas na reforma da estrada provincial en Campelo
Por Redacción |
-
As obras das estradas provinciais en Campelo comezarán en maio
Por Redacción |
-
Un total de 19 firmas presentan ofertas para mellorar as estradas provinciais de Campelo
Por Oskar Viéitez |