Comproban que un condutor quintuplicaba a taxa de alcohol permitida ao perder o control do seu coche en Cerponzóns
Por Redacción
Axentes da Garda Civil investigan penalmente un veciño de Vilaboa, de 32 anos de idade, que foi localizado cunha taxa de alcoholemia que multiplicaba por cinco a legalmente permitida despois de sufrir un accidente de circulación na parroquia de San Vicente de Cerponzóns.
Os feitos producíanse durante a tarde do 14 de febreiro nunha estrada local da parroquia pontevedresa. O turismo que conducía o mozo saíase da vía e sufría un accidente no que non se viron implicados máis vehículos.
A patrulla do Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra chegaba ao lugar do sinistro e comprobaba que o condutor e único ocupante do turismo saíra polo seu propio pé do coche e non mostraba lesións aparentes, segundo relatan desde a Comandancia da Garda Civil.
Os axentes levaron a sorpresa ao realizarlle a proba de alcoholemia de que este veciño de Vilaboa ofrecía unha resultado positivo quintuplicando a taxa permitida, que está situada en 0,25 miligramos por litro en aire respirado, ao realizarlle o correspondente control de alcoholemia. Ante esta situación, notificábaselle a súa condición de investigado como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria. As dilixencias instruídas para este caso trasladáronse ao Xulgado de Instrución de garda de Pontevedra.