Unha das vítimas do médico condenado por abusar de pacientes: "Denunciei porque non quero que lle pase a ninguén máis"
Por Natalia Puga
“Atrevinme a denunciar porque non quero que lle pase a ninguén máis”. Así resume unha pontevedresa de 49 anos que prefire que a súa identidade non se revele o ánimo que a moveu a sacar á luz un dos momentos máis duros que pasou na súa vida: foi vítima dun episodio de abuso sexual por parte dun médico do Servizo de Rehabilitación do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
Este martes, acudiu á Audiencia Provincial de Pontevedra para declarar como testemuña e, á vez, vítima no xuízo contra este profesional sanitario, que finalmente chegou a un acordo de conformidade coa Fiscalía e dos 13 anos de prisión aos que se enfrontaba inicialmente acabou condenado a dous anos de prisión e o pago dunha multa de 10.800 euros.
O médico non volverá exercer porque xa ten 63 anos e a condena inclúe 2 anos de inhabilitación para o exercicio da profesión de médico, pero a esta vítima quédalle dentro unha rabia moi grande só de pensar que os feitos polos que acaba de ser condenado ocorreron entre os anos 2014 e 2015 e, desde entón, durante máis de cinco anos, este home seguiu exercendo. Sente "impotente" só de pensar que, desde o seu caso, pasaron xa case seis anos, e non pode sacarse da cabeza un pensamento: "Cantas mozas nestes anos pasarían por esa consulta sen unha enfermeira diante!".
Desde entón, tampouco puido sacarse da cabeza unha imaxe: a das súas mans. En todos estes anos empezou a fixarse de forma especial nas mans dos homes, con medo, e este martes, cando chegou á Audiencia e se puxo na cola para identificarse ante a axente xudicial, deuse conta de que o tiña diante tan só con ver as súas. Estaba tras el e non lle viu a cara, pero en canto lle viu as mans, sóuboo.
Pasado tanto tempo, nin sequera se acordaba moi ben da súa cara e sinala que se alegra de velo porque está tan cambiado que non o recoñecería pola rúa. Cando lle viu as mans, "púxenme nerviosísima" e sorprendeulle a "frialdade" coa que reaccionou el, a pesar de que "non se atrevía a mirarme aos ollos".
Para entender esa rabia é necesario saber que lle ocorreu a ela. Non contaremos demasiados detalles para non facela rememorar o ocorrido. Ela acudiu á súa consulta do Hospital Provincial -tamén atendía en Montecelo, onde ocorreron os outros dous casos xulgados- derivada desde o servizo de dermatoloxía por presentar sensación de cansazo nas pernas como consecuencia dun tratamento que seguía. Unha vez alí, pediulle que se espise e, a pesar de que o seu cansazo estaba nas pernas, realizoulle tocamentos na zona vaxinal.
"É complicado explicar o que sentín. Pásache tan rápido e á vez tan lento...", rememora esta pontevedresa de 49 anos, "esa maneira de tocar non era normal, nunca na vida me tocou así nin un xinecólogo e el tiña que verme as pernas". Sorprendida, e asustada, preguntoulle que facía e a súa sorpresa foi a maiores cando lle respondeu "que o médico era el e sabía o que tiña que facer".
Por suposto, a explicación non a convenceu, "iso non era unha palpación dun médico" e rebelouse. Díxolle que parase, levantouse e só pensaba nunha cousa: "queríame ir de alí como fose, aínda que fose espida". Saltou da padiola e deuse conta de que, ademais, non utilizara luvas e de que, a pesar de que tiña alí á beira xabón para lavarse as mans, non o fixo tras a exploración.
A pesar de que tan só pensaba en irse de alí, cando el lle pediu que sentase, fíxoo. Pasados máis de cinco anos desde aquel 18 de setembro de 2014, non sabe por que o fixo. "Estás, pero non estás, sénteste mal, sénteste sucia, sénteste super incómoda", lembra. E aínda así, sentou. Tras darlle explicacións médicas sobre a súa doenza, díxolle que se fose, pero aínda engadiu unha apostila: "vaite, que sei onde traballas e paso a verte".
Unha vez fóra tampouco soubo que facer e aínda tardo uns días en contalo. Foi cando se achegaba o momento de volver á consulta e, tan só de pensar en volver velo, sentiuse moi mal. Contoullo a outra sanitaria do complexo hospitalario, fixéronlle unha exploración que "era moi diferente" á que lle facía el e puxeron o caso en atención ao paciente, onde pediu un cambio de especialista. A partir de alí, o Servizo Galego de Saúde abriu unha investigación interna e levou o caso á Fiscalía.
A xuízo chegaron tres casos, o desta pontevedresa e dúas máis. Este martes as tres coincidiron por primeira vez e descubriron que tiñan un perfil moi parecido e case a mesma idade, 48 e 49 anos. Tamén foron conscientes de que "había moitas queixas máis" e que "todo o mundo no Provincial sabe o que fai este home".
De feito, atopáronse con que ata a Audiencia Provincial achegáronse unha vintena de traballadores do complexo hospitalario de Pontevedra dispostos a declarar ao seu favor e, cando se cruzaron varias testemuñas, produciuse unha situación desagradable na que "nos miraban como desafiantes".
Agora que el recoñeceu os feitos e, como parte da condena, non poderá achegarse a ela nin ás outras vítimas, queda máis tranquila, pero a súa vida xa non volverá ser a de antes. "Unha cousa así déixate tocada, aínda que pasaron anos, ségueste acordando do momento e de todo".