O médico de Montecelo que abusou de tres pacientes evitará entrar en prisión e xa non volverá exercer
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
Un médico especialista en rehabilitación do Servizo de Rehabilitación do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra chegou a un acordo de conformidade coa Fiscalía Provincial polo que, tras recoñecer que abusou de tres pacientes, evitará entrar en prisión.
O facultativo debía sentar este martes no banco dos acusados da Audiencia Provincial por tres delitos de abuso sexual, pero evitou a celebración do xuízo tras aceptar os feitos e beneficiarse dunha importante redución da pena. Ademais, evitou expoñerse ante os medios de comunicación, pois a conformidade ratificouse a porta pechada, unha posibilidade que recolle a lei cando a pena conformada é tan baixa, pero que non sempre se utiliza por parte dos tribunais.
O fiscal pedía inicialmente que por un dos delitos fose condenado a oito anos de prisión polos outros dous a dous anos e medio cada un, isto, en total, trece anos de pena. Finalmente, polo primeiro delito a condena que aceptou foi de dous anos de prisión e por cada un dos outros dous, nove meses de multa a razón dunha cota de 20 euros diarios, isto é, 5.400 euros por cada delito.
Ademais, a sección segunda da Audiencia Provincial ditará unha sentenza condenatoria na que se lle impoñerá a medida de liberdade vixiada durante tres anos e outros tres anos de prohibición de aproximarse a cada unha das vítimas, nunha distancia inferior a 200 metros e prohibición de comunicarse con elas por calquera medio.
Como última medida, quedará inhabilitado para o exercicio da profesión de médico durante dous anos, o que, na práctica, supoñerá que non volva exercer, pois na actualidade este facultativo ten 63 anos e, tras a medida, xa estará en idade de xubilación.
O fiscal xefe da Audiencia, Juan Carlos Aladro, explicou, tras alcanzar esa conformidade, que tivo en conta dúas circunstancias atenuantes. A primeira foi de dilacións indebidas, pois os feitos ocorreron entre 2014 e 2015, e a segunda, reparación do dano, pois o acusado xa pagou as indemnizacións ás súas vítimas. En concreto, abonou 12.000 euros, 6.000 a unha delas e 3.000 a cada unha das outras dúas en concepto de dano moral.
A Fiscalía xa tentara chegar a un acordo co acusado previamente, pero non fora posible ata o día previsto para o xuízo. Para impulsar esa conformidade, tívose en conta que o acusado recoñece os feitos e que, desta forma, as vítimas non terán que enfrontarse ao momento de repetir o relato dos abusos sufridos diante do tribunal na sala de vistas, a que sería xa a quinta vez que relatarían os feitos.
O médico recoñece que o 17 de setembro de 2014 atendeu na consulta do Hospital Montecelo de Pontevedra a unha paciente derivada de traumatoloxía por artrose cervical e epicondilitis do cóbado dereito á que, tras preguntarlle polo seu estado civil, examinoulle o cóbado e as cervicais e seguidamente, "movido pola intención de satisfacer os seus desexos sexuais e aproveitando a facilidade que lle ofrecía a relación médico-paciente", indicoulle que se deitase na padiola e realizoulle tocamentos nas zonas íntimas non xustificados pola zona na que presentaba dor.
Ao día seguinte, atendeu na súa consulta do Hospital Provincial a outra paciente derivada desde o servizo de dermatoloxía por presentar sensación de cansazo nas pernas como consecuencia dun tratamento que seguía. Tamén a ela pediulle que se espise y "movido pola intención de satisfacer os seus desexos sexuais e aproveitando a facilidade que lle proporcionaba a relación médico-paciente", realizoulle os mesmos tocamentos.
O 19 de xaneiro de 2015 atendeu na consulta do Hospital Montecelo á terceira vítima, derivada polo servizo de traumatoloxía por presentar dor en pé esquerda e trapecios. No seu caso palpoulle os peitos. Esta muller regresou a unha segunda consulta e realizoulle tocamentos nos peitos.
As tres mulleres sentiron incómodas polo comportamento do procesado e solicitaron ao Servizo Galego de Saúde o cambio de especialista. Tras esa petición, iniciouse unha investigación interna que acabou na Fiscalía e chegou a xuízo.