A Audiencia apraza o xuízo contra un home acusado de dirixir unha banda de narcotraficantes
Por Oskar Viéitez
A Sección cuarta da Audiencia de Pontevedra aprazou para o martes día 3 de marzo un xuízo contra un home acusado dos delitos de integración en grupo criminal e contra a saúde pública.
No banco dos acusados debía sentar Lui Volina, que segundo a Fiscalía, "baixo a súa dirección e coordinación" estaba un grupo plurinacional de narcotraficantes que foron condenados en sentenza firme da Audiencia provincial de Pontevedra do 16 de febreiro de 2017.
Daquela causa había dúas persoas que se atopaban pendentes de axuizamento, entre elas o suposto xefe da banda Lui Volina que foi detido en xaneiro de 2019 pola Policía Local de Caldas de Reis e Eduardo Ramón E.V. que ata o de agora estaba en rebeldía procesual con paradoiro descoñecido.
Este martes o fiscal antidroga, Pablo Varela, destacou que "non ten sentido" que se celebren tres xuízos por separado polo que interesou que se unifique as dúas vistas restantes. Igualmente o letrado da defensa, Víctor Bouzas, solicitou ao tribunal que contemple unha acumulación dos dous procedementos por economía procesual.
Ademais o avogado de Lui Volina expresou o seu interese en chegar a un acordo coa Fiscalía a cambio dunha "rebaixa substancial" no petición de condena.
O fiscal antidroga pide para Volina, por delito de integración en grupo criminal, dous anos de prisión e polo delito de tráfico de drogas, unha pena de nove anos de prisión, así como unha multa de 860.062 euros, con aplicación das previsións sobre responsabilidade persoal subsidiaria en caso de falta de pagamento.
Relacionadas:
-
Menos de 6 anos de prisión para Lui Volina, que recoñece ser narcotraficante e liderar un grupo criminal desde Caldas
Por Anxo Lourido |
-
A Fiscalía pide once anos de prisión para un home acusado de dirixir e coordinar unha banda plurinacional de narcotraficantes
Por Redacción |
-
Multa dun millón de euros e 34 anos de prisión para un grupo plurinacional de narcotraficantes
Por Natalia Puga |