O CEIP A Torre de Cela inaugurou unha biblioteca inclusiva e creativa
Por Redacción
O Ceip Plurilingüe A Torre de Cela acolleu este luns, 17 de febreiro, a inauguración da nova biblioteca escolar que nace co obxectivo de ser un espazo de aprendizaxe, así como de creación e experimentación.
O centro acolleu a visita da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, acompañada de Xosé Leal, concelleiro de cultura e ensino de Bueu.
O de hoxe era un día especial e moi agardado por toda a comunidade educativa, pois marca o punto de inicio para comezar a traballar co modelo de biblioteca inclusiva, cunha atención primordial á exploración da parte máis creativa e artística.
Para esta reforma integral, o centro recibiu unha axuda por parte da Dirección Xeral de Centros da Xunta de Galicia. Nela hai diversas zonas que fomentan a relación entre os nenos e promoven a creatividade. Así, ao espazo de literatura súmase o de bricolaxe, o de robótica, o de reciclaxe, o muro de lego, a área de xogos, as butacas de lectura, o recanto da arte, entre outros.
A radio escolar, sita no andar segundo, tamén forma parte da biblioteca e nela o alumnado realiza entrevistas, cuñas publicitarias, programas temáticos. Segundo recoñecen "a radio axúdanos a expresarnos mellor".
A directora do centro, Miriam Area, tamén fixo un anuncio moi especial: a biblioteca coñecerase co nome de "Luís Davila", o nome do recoñecido artista local que realizou os murais que decoran as paredes.