A rapazada de Cuntis divírtese e aprende nun obradoiro de cociña
Por Redacción
O obradoiro de cociña infantil celebrado o pasado sábado no Centro Patelas de Cuntis foi todo un éxito, tanto en participación como en aproveitamento e desfrute por parte da rapazada. Así llo transmitiron os cativos ao propio alcalde Manuel Campos durante a visita que realizou á actividade.
No obradoiro todos os participantes se divertiron ao tempo que aprenderon sobre os diferentes procesos de preparación dos alimentos, así como sobres as tarefas complementarias ao cociñado como a limpeza, tendo como referencia os valores de traballo en equipo e colaboración.
Tamén se potenciou a autonomía dos rapaces que traballaron baixo a supervisión dun monitor pero sempre de maneira autónoma.
Este particular "Master Chef Junior" tamén pretende inculcar nos menores a importancia de manter unha alimentación san e variada como elemento fundamental para manter un crecemento saudable. Ao final da actividade os participantes puideron degustar as súas elaboracións.