A chuvia dá unha tregua, pero volve o frío
Por Sara Iglesias
Tras a borrasca que pasou por Galicia durante a fin de semana, as Rías Baixas experimentarán un tempo máis primaveral durante os seguintes días segundo a previsión de MeteoGalicia.
O luns agárdanse ceos con alternancia de nubes e claros, coa posibilidade dalgún chuvasco ocasional. As temperaturas sufrirán un moderado descenso, con mínimas de 11 graos e máximas de 15. Os ventos soprarán de compoñente oeste, moderados no litoral, con intervalos fortes na costa norte pola mañá e frouxos no resto.
Para o martes espérase en Pontevedra unha xornada de ceos anubrados, quedando máis despexados ao longo do día. As temperaturas mínimas baixarán ata os 3 graos, con posibilidade dalgunha xeada no interior. As máximas non sufrirán cambios significativos, manténdose entre os 11 e 14 graos. Os ventos soprarán frouxos de dirección variable.
A partir do mércores, os ceos estarán despexados na metade sur de Galicia, mentres que a metade norte permanece cos ceos anubrados. As temperaturas mínimas ascenden ata os 5 graos e as máximas experimentarán un lixeiro ascenso, con 18 graos en Pontevedra. O vento soprará frouxo a partir deste día.
O xoves volve a chuvia en forma de chuvascos débiles, cunha probabilidade de precipitacións máis intensas durante a mañá. O resto do día, espéranse pequenos chuvascos ocasionais. As temperaturas ascenden dous graos con respecto o mércores, con mínimas de 7 e máximas de 15.
O venres o sol volverá brillar, con temperaturas típicas desta época do ano. As mínimas estarán en torno aos 8 graos e as máximas serán de 16.
Para a fin de semana, Pontevedra continuará baixo a influencia das altas presións, polo que a probabilidade de precipitación será baixa en xeral e as temperaturas serán as propias do inverno, xa con máis oscilación térmica entre o día e a noite.