O petote tamén entra con xeito baixo a chuvia
Por Redacción
Máis de 500 prazas nos restaurantes que colaboran e 250 racións completas son as cifras que manexa o Concello de Cerdedo-Cotobade sobre a asistencia á undécima Festa do Petote que se desenvolve na Praza da Chan, ademais de nos distintos locais onde se serve o cocido de Entroido co "bolo de millo" tradicional.
A choiva afectou o desenvolvemento normal da xornada pero o público encheu a carpa na que se establecían xogos para os menores e un espectáculo musical de Os Afoutes do Canón de pau e das Madamitas e Folións procedentes da parroquia de Valongo. Nos momentos en que a choiva cesaba, a agrupación As Flores de Entroido mostraron a súa alegría polas rúas, acompañados polas agrupacións locais.
O gaiteiro Óscar Ibáñez foi o encargado da lectura do pregón, que dedicaba a un gaiteiro ilustre natural de Viascón, Ricardo Portela. A continuación, o grupo A Tajea ofreceu un concerto e iniciouse a degustación popular gratuíta, coa repartición de 250 racións de petote, co seu correspondente chourizo e outros produtos propios do Entroido.
Despois, seis dos nove restaurantes que participaron nesta edición cun menú pechado de codido de Entroido con petote completaron o seu aforo, mentres que os outros tres tamén rexistraron unha importante afluencia, de forma que a ocupación roldou o 85% das 600 prazas que se ofrecían. O alcalde de Cerdedo-Cotobade Jorge Cubela avaliou positivamente esta edición ao baterse o récord absoluto de comensais.