Poio é o único Concello da provincia con axente titor da Policía Local para atender conflitos de menores
Por Redacción
Os axentes titores contan con potestade para actuar no ámbito escolar coa intención de resolver posibles conflitos que se xeren nos recintos educativos. O Concello de Poio é o único na provincia e dos poucos en municipios de menos de 20.000 habitantes en España que conta con esta figura dirixida pola Policía Local e na que interveñen os departamentos de Seguridade Cidadá, Educación e Servizos Sociais.
Este programa poñíase en marcha en 2017 e, desde entón, realizaba 60 intervencións, ademais de impulsar obradoiros, charlas orientativas e outras iniciativas. En 2019 foi necesaria a intervención en 20 conflitos.
Antonio Duarte, xefe da Policía Local, sinala que os casos nos que se utiliza esta figura teñen que ver co absentismo escolar ou cando se comproba que hai menores sen escolarizar, que actúan trasladando a información a Servizos Sociais. Noutras ocasións vixían posibles condutas de risco ou esclarecen feitos delituosos. Ademais, tamén impulsa a mellora da seguridade viaria na contorna escolar, con informes que sinalan se é necesario mellorar a sinalización ou reorganizar o tráfico.
O Axente Titor actúa na vía pública exercendo vixilancia, por exemplo, de consumo de alcol por parte de menores ou no caso de que se teña coñecemento de que manexen substancias tóxicas ou estupefacientes.
Segundo a concelleira responsable da área Marga Caldas, con este procedemento téntanse buscar solucións adecuadas para a mellora da convivencia entre a veciñanza. Durante 2019 foi necesaria a intervención en dúas ocasións para identificar a varios menores no interior de inmobles de propiedade privada.
Está previsto mellorar esta ferramenta con outras propostas como a consolidación dunha mesa de seguimento e coordinación, ademais de continuar desenvolvendo charlas e talleres de formación sobre cuestións sanitarias, sociais e educativas que afecten á poboación xuvenil e infantil.
Relacionadas:
-
Poio traballa para ampliar a actuación do programa 'Axente Titor' a outros eidos
Por Redacción |
-
Detido o sospeitoso de roubar un móbil a un menor en Poio
Por Redacción |
-
Pillan 'in fraganti' dous menores enchendo de pintadas un parque de Poio
Por Redacción |
-
Saben os pais de Poio detectar o ciberacoso?
Por Diego Espiño |
-
A Policía Local de Poio pon en marcha un programa con 'axentes titores' para a protección dos menores
Por Redacción |