O nome de Suso Vaamonde xa permanece na historia da Casa do Pobo de Regodobargo
Por Redacción
Malia que a choiva estivo presente durante este domingo en Regodobargo, o acto en homenaxe ao ilustre músico Suso Vaamonde celebrábase primeiro no río e, a continuación, na Casa do Pobo da súa localidade natal, un edificio que a partir desta data levará o seu nome.
Precisamente, o Concello de Ponte Caldelas escollía este domingo para o evento porque coincide co 20 aniversario do falecemento do cantautor. Ao mediodía realizábase a ofrenda de flores no lugar onde se depositaron as súas cinzas no río Verdugo. Un acto no que estivo presente o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta Valentín García, ademais do alcalde Andrés Díaz e outros integrantes da corporación municipal.
A continuación, na Casa do Pobo Suso Vaamonde descubríase unha placa en homenaxe ao músico e o alcalde lembraba que o autor sempre levou o nome de Regodobargo e de Ponte Caldelas a todos os lugares que visitou. Fixo mención ao seu paso por prisión motivado polo seu compromiso con Galicia e coa súa lingua sinalando que pasou 46 días no cárcere e catro anos no exilio. Suso Vaamonde foi o primeiro preso político da democracia, que conseguía posteriormente o indulto por parte do goberno do Estado.
Diferentes agrupacións participaron, tras o acto institucional, con actuacións nunha carpa situada á beira da Casa do Pobo na que non faltou un posto de polbo.