Aproveitan a hora da comida para roubar nunha inmobiliaria das galerías Oliva
Por Natalia Puga
Unha inmobiliaria situada nas galerías comerciais da rúa Oliva foi vítima dun roubo con forza a mediodía deste luns. Os ladróns aproveitaron para cometer o delito a hora na que o seu propietario saíu para comer, entre as 14.00 e as 16.30 horas.
O dono chegou ao seu negocio e encontrouse con que un dos fechos de peche do local estaba forzada e fracturada, de modo que chamou á Comisaría da Policía Nacional para denunciar o sucedido. Unha patrulla desprazouse ao lugar sobre as 16.40 horas e posteriormente axentes da Policía Científica recolleron probas para abrir unha investigación.
Segundo relatou o dono de Inmobiliaria Lage aos axentes, saíu a comer e baixou a persiana exterior do local, pero non pechou a porta interior con chave. De todos os xeitos, trátase dun roubo con forza, pois para entrar os ladróns tiveron que forzar un fecho.
Unha vez no interior, os ladróns leváronse uns 150 euros que estaban gardados na caixa de caudais situada no piso inferior do establecemento e unha cámara de fotos da marca Sony.
A media mañá deste martes na Comisaría Provincial aínda non se recibira denuncia formal do propietario, pero os axentes xa abriron unha investigación ao ter sido alertados do roubo no momento en que se detectou.