Comeza a construción do Centro Sociocultural de Tenorio cun orzamento de 583.000 euros
Por Redacción
Comezaron as obras para construír o Centro Sociocultural de Tenorio, un espazo de 560 metros cadrados no que se desenvolverán actividades veciñais, sociais e culturais da parroquia.
A obra prolongarase durante todo este ano 2020, segundo indicaba o alcalde ao visitar o lugar para ver os inicios dos traballos. Jorge Cubela afirmaba que espera inauguralo antes de fin de ano.
A empresa Coviastec, gañadora do concurso público, é a encargada de realizar estes traballos tras presentar unha oferta de 583.000 euros, cunha baixa de case 0,6% sobre a licitación; ademais ofrece melloras por 96.000 euros e unha garantía de cinco anos.
Estará situado na travesía da parroquia entre o centro de saúde e a zona de Covas nunha parcela de 1.670 metros cadrados. O edificio contará cunha dobre sala, de 170 e 107 metros cadrados, nos que se poderán desenvolver diferentes actividades cunha capacidade para 300 persoas.
Ademais, está prevista a creación de tres aulas para accións formativas e cursos, dúas oficinas, catro aseos, dous deles adaptados, tres espazos de almacén e un soportal.