Axentes da Garda Civil liberan un can atrapado nunha canalización en Bértola
Por Redacción
Axentes da Garda Civil conseguían liberar na mañá deste sábado un can que se refuxiou nun conduto da auga tras verse envolvido nunha pelexa con outro animal. A mascota quedou atorada nun conduto de 40 centímetros de diámetro a dous metros baixo terra no municipio pontevedrés de Vilaboa.
Unha patrulla conxunta do Posto de Moaña desprazábase ata este punto unha vez recibida a alarma ao redor das 09.00 horas. Outra patrulla de seguridade cidadá da Compañía de Pontevedra tamén se trasladaba ata o punto para intervir no rescate do animal.
Os axentes mantiveron unha entrevista coa propietaria do animal para coñecer os detalles do incidente e, a partir dese momento, iniciouse o operativo. A tubaxe de formigón atopábase tupida de terra e, segundo os cálculos dos axentes da Garda Civil, o can debía atoparse a dous metros baixo terra.
Varios veciños da contorna colaboraron de maneira destacable, segundo relatan desde a Comandancia da Garda Civil, ofrecendo apeiros de labranza para que os axentes limpasen o acceso á canalización. Desta forma, efectuouse a limpeza para facilitar a respiración e o movemento ao can que se atopaba no interior.
Un axente foi extraendo toda a terra da entrada á tubaxe e unha vez que rematou, o can respondeu de inmediato á chamada da súa propietaria e saíu sen danos aparentes da canle.