En marcha a tramitación do concurso para adxudicar as 55 bancadas e 7 casetas libres do Mercado
Por Redacción
Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica e Turismo, iniciou a tramitación do concurso para que se adxudiquen os 62 postos que se atopan libres no primeiro andar do Mercado de Abastos. Trátase de 55 bancadas e sete casetas.
Segundo informan desde a concellería, os servizos técnicos municipais xa están a recoller datos e actualizando os pagos para que non sexa necesario rescatar algunha das concesións. Yoya Blanco espera que o procedemento administrativo permita que antes do verán saia o concurso para estes postos de venda, que se suman aos 225 operativos na planta baixa da praza, 178 bancadas e 47 casetas.
Desde a concellería está previsto que unha vez finalice este procedemento se poña en marcha a tramitación dos postos que quedan dispoñibles na zona do gastroespazo. Trátase de 42 casetas, das que 21 se atopan actualmente en funcionamento repartidas entre 12 postos. Dúas irán destinadas á cociña do CIFP Carlos Oroza, tres serán para os obradoiros de O Ganapán, dúas a consignas e as 14 restantes sacaranse a concurso como once postos, oito cunha soa caseta e tres con dúas casetas.
Tras estas actuacións, o servizo de Promoción Económica ten previsto actualizar a ordenanza de mercados ambulantes. A actual data de 1997 e é preciso poñela ao día coa normativa de venda ambulante, indica Yoya Blanco. Con esta ordenanza quere ofrecer un marco legal tanto aos postos ambulantes do Recinto Feiral e da Praza Marqués de Valterra do mesmo xeito que ao mercado de antigüidades na rúa Serra.