Aumenta o número de atencións sanitarias nos hospitais de Pontevedra e O Salnés
Por Redacción
As atencións na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés incrementáronse no 2019 en 34.227 consultas nos tres hospitais do territorio. No 2018 foron 3.402.712 as atencións prestadas, mentres que o ano pasado realizáronse 3.436.939. Tamén o volume de primeiras consultas foi maior no 2019 que no ano anterior, recolle o balance asistencial publicado este venres pola xerencia da área sanitaria.
O informe inclúe tamén a mellora dos datos de tempos de espera, que se sitúa nos 33,7 días, oito xornadas por baixo que a media dos hospitais do Sergas en Galicia, que se sitúa nos 41,5 dias.
As vías rápidas para a atención de cancros de mama, colon, recto, pulmón, próstata, vexiga, melanoma, cabeza e pescozo manteñen a menor demora cun máximo de quince días de espera, unha prioridade asistencial que se estende tamén a outros 108 procesos cirúrxicos e 26 consultas e probas.
Pola contra, o número de ingresos nos hospitais de Pontevedra e O Salnés caeron lixeiramente no 2019 con respecto ao 2018, 28.765 fronte a 28.891. Mentres que a estadía media roza os sete días de ingreso cunha porcentaxe de ocupación hospitalaria que oscila entre o 78 % do complexo pontevedrés e o 60,8 % do do Salnés.
O número de intervencións cirúrxicas tamén se incrementou en ambos os centros en preto dun milleiro de operacións, sendo Montecelo o hospital que maior actividade xera neste ámbito.
En referencia ao servizo de Urxencias, o informe da área sanitaria detalla que nos Puntos de Atención Continuada (PAC) atendéronse 199.196 urxencias, das que un 8% foron derivadas aos centros hospitalarios da área sanitaria.