O Concello finaliza a mellora viaria na contorna de Covas
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de finalizar un plan de obras completo no lugar de Covas, pertencente á parroquia cotobadesa de Tenorio, que incluíu a mellora viaria con ensanchamento para facilitar o tráfico en puntos de moita estreitez e a dotación de saneamento ao abeiro do proxecto autonómico, actualmente en obras, para darlle este servizo aos 1.200 veciños da zona.
Esta mellora na contorna de Covas estaba incluída no plan de comunicacións da parroquia de Tenorio, orzamentado en 110.000 euros e que tamén recolle outras actuacións no acceso á ponte colgante de Calvelo e as aldeas de Tralamós, Laxe e Castro.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, tras o percorrido de supervisión desta actuación, destacou que a amplitude do plan de comunicacións de Tenorio "permite seguir mellorando a mobilidade desta parroquia, especialmente coa renovación do firme das súas vías e co ensanchamento de puntos moi estreitos" e indicou que a vindeira gran actuación será a humanización da travesía interior, este mesmo ano, con 800.000 euros que xa figuran nos Orzamentos Municipais 2020.
Finalmente, anunciou que o goberno local e os servizos técnicos municipais están a traballar arreo para perfilar e deseñar un "ambicioso" Plan de Vías para este ano 2020 e concretou que o seu contido e actuacións se darán a coñecer en vindeiras datas.