Dous homes trasladando a ombros un colchón de madrugada delatan un roubo nunha moblaría
Por Natalia Puga
Axentes da Policía Local de Pontevedra descubriron un roubo nun almacén de mobles da cidade e detiveron un dos seus presuntos autores porque viron dous homes trasladando un colchón sen estrear en plena rúa de madrugada.
Os feitos aconteceron sobre as 2.00 horas da madrugada do sábado ao domingo no ámbito da glorieta de Compostela. Unha patrulla que realizaba tarefas de prevención da seguridade cidadá observou dous individuos portando a ombros o citado colchón. Cando se decataron da presenza policial, soltaron o colchón e botaron a correr.
Segundo relata a Policía, os axentes localizaron un dos rapaces minutos máis tarde, pero o segundo conseguiu escapar. De todos os xeitos, contan cunha completa descrición física súa.
O individuo ao que conseguiron coller ten 43 anos e é natural de Asturias. A preguntas policiais, relatou que acudira co segundo implicado a recoller o colchón a un almacén de mobles da rúa Andrés Mellado.
Cando os axentes chegaron ao almacén referido encontráronse con que tiña a entrada forzada. En concreto, os supostos ladróns fracturaron o cadeado da porta do local contiguo, que está en obras. Unha vez dentro, abriron un oco entre este local e a moblaría e subtraeron o colchón e outros obxectos que no momento en que os localizou a policía.
Entre os obxectos supostamente subtraídos figuran un colchón de 90 centímetros da marca Reflex cuberto aínda cun plástico, unha mochila, un nivel, unha paleta, un martelo, espátulas, unha escuadra, unha colonia da marca Custo, unha bombona de gas, un acendedor, un chaveiro ou un Rosario de prata.