Ponte Veteri: unha aplicación que nos transporta á Pontevedra do século XII
Ponte Veteri é un videoxogo de realidade aumentada (RA) que nos transporta á Pontevedra do século XII. Este xogo didáctico, cóntanos unha historia ficticia na que o xogador se ve reflectido nun personaxe que chega a Pontevedra como peregrino e axuda á vila para conseguir a concesión do Foro por parte do rei Fernando II.
Xaquín Moreda, concelleiro de Patrionio Histórico, explica que este videoxogo vén a raíz do 850 aniversario do foro de Pontevedra. No 2019 xa levaron a cabo varias accións como a publicación dun libro sobre o foro, charlas en colaboración co Museo de Pontevedra ou a exposición en RA da cidade a través dunha aplicación móbil (app). Esta última seguiu desenvolvéndose ata converterse no videoxogo Ponte Veteri, que foi presentado este xoves.
O videoxogo foi realizado por un equipo da Universidade de Vigo formado por Beatriz Legerén, Luís Emilio Fernández, Antonio Pena, Olaia Ferrando, David Conde, Ariadna Cordal e Daniel Malvido.
Antonio Pena, profesor de enxeñería da telecomunicación, dá máis detalles sobre o funcionamento da app. A aplicación está formada por seis confrarías, das cales o xogador debe visitar catro para dar comezo á historia. Nesta aventura, seremos guiados polo Lorichol, un importante papagaio-personaxe de Pontevedra. O Foro está en perigo, polo que o xogador terá que superar distintos minixogos para resolver o misterio mentres aprende sobre a Pontevedra do século XII.
Segundo explica Ariadna Cordal, o xogo tamén conta con outros modos que permiten ver só a información ou facer o percorrido sen necesidade de xogar a historia.
O videoxogo xa está dispoñible na Play Store co nome "Ponte Veteri". Recoméndase poñer Ponte Veteri entre comiñas para facilitar a súa procura. Ademais, cada vez que se xogue é aconsellable comprobar se hai novas actualizacións, xa que debido aos curtos prazos na creación do videoxogo seguen existindo pequenos fallos ocasionais.