Semana de tempo inestable: choiva o xoves e borrasca o sábado
Por Redacción
A choiva volveu este xoves ás Rías Baixas e abre un período marcado pola inestabilidade. Segundo a previsión de Meteogalicia, en Pontevedra agárdase para os vindeiros días unha alternancia de períodos de ceos moi anubrados con outros con nubes e claros. A previsión é que o tempo estea marcado por precipitacións este xoves e o sábado pola noite.
As temperaturas serán altas para as mínimas e normais para as máximas respecto ó habitual nesta época do ano, con mínimas sen cambios e máximas en descenso lixeiro. Este xoves agárdanse mínimas de 12 e máximas de 17, para este venres o abano será 10-16 graos e para o sábado, 11-15 graos.
Este xoves, as precipitacións da mañá irán remitindo e abriranse tímidos claros, unha situación similar á que se agarda para toda a xornada deste venres, na que haberá ceos con nubes e claros.
O sábado toda Galicia estará baixo os efectos dunha profunda borrasca situada ao sudoeste de Islandia. Deste xeito, os ceos estarán parcialmente anubrados con precipitacións febles en toda franxa atlántica, isto é, nas Rías Baixas, na segunda metade do día.
A partir do domingo, Galicia continuará na influencia dos ventos do suroeste que deixarán maior probabilidade de precipitación na metade oeste e tempo máis seco no leste, con temperaturas suaves. Esta mesma situación intermedia entre altas e baixas presións podería manterse nas xornadas do luns e martes. A partir do mércores aumentará a influencia das altas presións, o que traerá un descenso da probabilidade de chuvia.