Medio cento de familias, en listaxe de agarda en Cambados para conseguir composteiro
Por Redacción
Con motivo da nova campaña sobre compostaxe impulsada pola Deputación de Ponteverda os cambadeses encontraron estes días na feria do concello unha carpa informativa para dar a coñecer o novo Plan Revitaliza.
Mestras e mestres composteiros foron os encargados de explicar o proceso tanto dos depósitos individuais destinados a zonas rurais coma dos centros de compostaxe comunitaria (CCC) das zonas urbanas. Estas actividades informativas pretenden impulsar a compostaxe coma un modelo de xestión de lixo ambientalmente sustentable, baseado en reintegrar residuos orgánicos para que volvan de novo á terra como fertilizante natural e xeren novos produtos en lugar de queimalos ou envialos a un vertedoiro.
O crecente interese pola compostaxe reflectiuse no número de cidadáns que se achegaron para recibir a información así coma na repartición de composteiros individuais facilitados pola Deputación de Pontevedra, xa esgotados nestas datas e que provocaron unha listaxe de agarda de medio cento de familias. O Concello de Cambados, pola súa parte, dispón de dous centros de compostaxe comunitarios en funcionamento e hai previsión para instalar outros catro repartidos pola vila.